Kit de apropiación

#TemosQueFalar es ti

Moitas preguntastes pola orixe desta iniciativa e poderiamos dicir que Ecoloxistas en Acción, REAS Rede de Redes, Intermón, ATTAC e Futuro en Común están no xermolo da proposta. Porén, consideramos que estas sensacións proveñen dunha lectura común sobre a realidade en que vivimos, unha visión compartida por un amplo e diverso magma de entidades e persoas plenamente conscientes dos importantes retos que afrontamos como sociedade, así como da necesidade de orientarnos de forma urxente e prioritaria a atopar solucións, participando de maneira activa na súa promoción. A boa resposta e o apoio e interese que xerou así o confirman.

Por iso, convidámosvos a dar un paso máis aló, a apropiarvos deste #TemosQueFalar en primeira persoa, para nutrilo de contido e seguir a darlle forma con todas as demandas e problemáticas que consideredes que deberían estar no centro do debate político e social, e máis neste período electoral, no que nos gustaría que a crise ecosocial fose o centro dos debates. Propomos, daquela, usar esta simboloxía común para centrar aqueles temas que nos importan e dos que Temos Que Falar, esperando que este símbolo que convida ao diálogo e á construción colectiva sexa usado por organizacións e persoas para comunicar as súas inquedanzas e propostas.

Compartimos a modo de exemplos algunhas ideas para facilitar a súa viralidade, a mellor forma, sen dúbida, de que, desde unha voz colectiva, as nosas demandas teñan o apoio e o eco social que queremos e precisamos.

  1. Difunde a iniciativa entre os teus contactos: comparte a web e convida os teus contactos a apoiar a iniciativa por correo electrónico, mensaxe de texto, redes sociais ou o «boca-orella» de toda a vida. #TemosQueFalar conta contigo. Difúndeo! Paréceche interesante e necesaria esta iniciativa? Pois cóntao así directamente: «Coñecín unha iniciativa superinteresante, coñeces temosquefalar? Bótalle unha ollada que a min me ilusionou…».
  2. Aprópiate do cancelo para campañas propias: usa o cancelo #TemosQueFalar para as túas propias campañas e demandas. Con ese fin, compartimos convosco algunhas mensaxes e materiais neste documento da campaña de lanzamento. Por exemplo, se andas promovendo a xustiza climática, podes lanzar mensaxes como: «Esta nova vaga de calor pon novamente en evidencia que #TemosQueFalar de #XustizaClimática; é unha cuestión de xustiza e supervivencia».
  3.   Saca o youtuber que levas dentro: as tecnoloxías ofrécennos un interesante altofalante accesible para a maioría. Xa non fai falta ser politólogo nin que te convide a televisión para que a xente poida escoitarte. Grávate cun móbil para falar das cousas que che importan e compártea en redes sociais ou entre os teus contactos. Recomendámosche que o fagas co cancelo #TemosQueFalar para contribuír a esta narrativa común.
  4.   Pono en práctica: saca na túa contorna os temas que consideres importantes, calquera momento é idóneo para unha agradable conversa sobre as cousas que nos atinxen. No teu traballo, o parque, o bar ou a praza, non perdas ocasión de pór en común coa túa xente as cuestións que te preocupan, es un axente tan válido como calquera outro para facer política. Anímate, hai tanto do que falar…!
  5. Practica o artivismo: pega globos co #TemosQueFalar na rúa, incluíndo os temas que che importan en lugares emblemáticos. Por exemplo, se cres que #TemosQueFalar de sanidade pública, universal e gratuíta, debuxa un globo con #TemosQueFalar de Sanidade Pública e pégao no teu centro social. E se xa lle tiras unha foto e a compartes en redes co cancelo común, multiplicas seguro o impacto da túa acción. 
  6.  Leva o #TemosQueFalar ao espazo público. E se colocáramos carteis con globos de #TemosQueFalar polas nosas localidades como identificativos para xerar lugares de encontro e debate onde a xente poida acudir de se querer encontrar e falar con outras persoas? Sería moi potente e transformador, non cres? É unha acción marabillosa para facer individualmente ou en grupo. Pega o teu cartel e dálle vida iniciando conversas con amizades ou persoas que se acheguen a osmar. E, por suposto, rexistra o momento e visibiliza ese punto para que máis xente poida usalo, darlle vida e abrir novos puntos TQF.
  7. Creatividade ao poder: estas son só algunhas opcións posibles para apropiarte da iniciativa e diseminar o seu poder democrático e transformador. Deixa saír a túa creatividade e… gózao!

    Sabemos que entre todas podemos mimar esta iniciativa e facela medrar durante as próximas semanas e meses para propiciar o diálogo e o artellamento arredor dos temas que nos afectan. Se isto sucede, soñamos con vernos despois do verán, nun encontro presencial no que seguir construíndo colectivamente. Motiva? Daquela, a darlle vida, que hai moito do que #TemosQueFalar…